"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

19 Maio 2009 at 11:18

De manifestacións, contubernios e traizóns

E eu que comezara a semana chamándolle traidor, cualificativo polo que moitos me reprenderon no blogue e no correo, para rematar dándolle un voto de confianza no Xornal do domingo por aquilo de poñer paz e non botar leña ao lume. Mais a rolda de prensa de onte deses Zipi e Zape da contradición foi antolóxica e pasará a formar parte das maiores parvadas políticas vistas nestes país. Supoño que apupados por dona Jaimita Llobregat tras a histórica manifestación baixo a chuvia do domingo, non lles quedou mais remedio que saír ao estrado.

Nin cen días, nin corenta nin tres, estes xa perderon todo o seu creto. Confeso que estou inquedo, pero non polas artimañas deste dous, senón por que cada vez teño máis claro que non teñen puta idea do que fan facer, e iso si que mete medo. Estes todos gañaron o cargo nunha inesperada tómbola e agora atópanse co feixe de boletos que mercaran para que lles tocara e teñen que pagalos, mais teñen o peto e o caletre baleiros. Non tiñan proxecto político, nin de país se é que algunha vez creron nel. Escollemos aos nosos gobernantes para que nos gobernen, se quixésemos que nos consultasen seguido cada decisión que tomen deixariamos a administración nas mans dos institutos de demoscopia.

De todo o xeitos a guieiro semella claro, levar o conflito e a confrontación ás escolas, ás ANPAS, aos Consellos escolares. Saben que alí é onde poden gañar a batalla, entre eses pais e nais que confunden cadeiras con cadrís, que non saben que é un cogombro, que lle botan ao galego a culpa de que os seus nenos fracasen na escola. Contando así, á lixeira, na clase do meu fillo, penso que de 18 só 2 irían a aulas en galego, e penso que iso repetiríase arreo nas cidades e nas vilas medianas do país. Queren prenderlle lume ao noso ensino, para xustificar logo ese consenso infame, PP-PSOE, que algúns, clarividentes, xa ventan no horizonte.

Eu cada vez comezo a telo máis claro: CONTRA A DERROGACIÓN, NON ESCOLARIZACIÓN. Que pasaría se milleiros de pais e nais se negasen a escolarizar aos seus fillos? Denunciaríannos? Prenderíannos? Xulgaríannos? Quitaríannolos?

Respecto ao contubernio de Láncara, os sorrisos, os acenos, as verbas e as palmadiñas no lombo de moitos dos que alí estaban con dona Jamita Llobregat pasará tamén a nosa particular historia do aldraxe contra a nosa lingua. Todos eles traizoáronnos, a nós, a nosa mmeoria e aos nosos dvenceiros. Deberían ter estado berrando polas rúas de Compostela baixo a arroiada ou ballón ou bategada ou chaparrada ou chuvieira ou breca ou barrallo ou ciobra ou enxurrada ou cifra ou torba ou poalla ou trebón ou  xistra ou zarracina ou cairo ou babuña ou orballo ou zarzalla ou froalla ou corisco ou escarabana.

Chuzame! A Facebook A Twitter
-
1
  • Eumesma
    16:20 on Maio 19th, 2009 1

    Este home, onde pensará traballar cando todo isto remate? Daríame vergoña que fose meu ex-compañeiro de traballo /fillo /irmán… etc

    Levo días pensando qué demo lle ofrecerían? Cartos? Un traballo en Europa? Porque o que na Galiza vai ter difícil moverse nos ambientes nos que se movía antes.

  • Twitter Calveiro

  • Artigos recentes

  • Falaron

  • Histórico

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en

Olark Livehelp