"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

29 Setembro 2009 at 11:22

Temos que ser formigas, non carricantas

Non sei se son paranoias miñas, mais comezo a ver por todos os recantos síntomas moi preocupantes que indican que o discurso mentirán contra a nosa lingua vai callando lixeiro en moita xente, explícome.

Onte pola mañá no pediatra, mentres agardaba coa miña filla, vin a unha rapaza con uniforme dun coñecido colexio privado repasando o tema uno do seu flamante libro de Conocimiento del Medio de 6ª de primaria. Claro exemplo de que en moitos centros privados o decreto do galego xa foi derrogado de facto coa aquiescencia da Consellería.

Pola tarde non puiden acudir a reunión de comezo de curso da escola da nosa filla, mais a súa nai fíxome, alporizada, un completo resumo. E a que non sabedes cal foi o tema estrela? O galego. Por vez primeira en sete anos, os que leva escolarizado o noso fillo o maior, este asunto foi causa de discusión nunha reunión entre pais e educadores. Un pai re recriminoulle as mestras que falasen en galego, iso si, fíxoo alegando que había algún pais inmigrantes que podían non entender, cando estes ficaran todo o tempo calados e sen protesta de ningún tipo. Outro dixo que o decreto ( imaxinade a que extremos chegou a intoxicación popular e mediática que algúns pais xa falan de decretos nas escolas dos fillos como se aquilo fose o parlamento) xa estaba derrogado e que a súa filla lle tiñan que aprender a ler e escribir en castelán. As mestras estiveron en todo momento no seu sitio, aclararon a situación, incluso con certa retranca. Mais o mellor ou o peor, segundo se mire, de todo, foi o comentario que unha nai lle fixo a outra dicindo que vaia parvada que se polo menos lles aprendesen portugués que é unha lingua rica e non ese dialecto pobre que é o galego. Aclaro que todos estes comentarios foron feitos por xente nova, trinta anos, en Teis un barrio obreiro de Vigo, por xente cuxos pais ou avós de seguro falan aínda galego.

A miña inquedanza non ven só porque semella que a mentira calla en sectores sociais moi diversos, e que ata o de agora foran refractarios e ese discurso galegófobo, senón pola reacción que durante estes meses estamos a manter nós. Cando a tipa esa referiuse a nosa lingua como dialecto pobre, a miña parella e outro galegofalante presente olláronse incrédulos e ficaron calados. Ese está a ser o noso grande erro: o silencio. Coa idea de sermos respectuosos e non entrarlles ao trapo, estamos perdendo posicións a lume de carozo. Os políticos, hai que ver o papelón de Pachi e os seus adláteres, e os medios, co Faro, a Voz e Correo á cabeza, colocaron este asunto no centro debate público, inventando unha polémica e convertendo a unha impresentable botarate mestra de inglés en interlocutora válida e vedete deste escenario.

Pois ben, chegou o momento de actuar, de empregar as súas mesmas armas. Pasou o tempo dos manifestos, das plataformas e as grandes manifestacións. Temos que ser como formigas, non calar, actuar alí onde está o debate, incluso xeralo nós, con múltiples e pequenas accións a nivel local, dende a base, aí e onde está o noso poder. Non chega con xuntármonos na Quintana. Téñennos que escoitar, saber que estamos aí, nas escolas, nos bares, nos comercios, nos hospitais, empregando a nosa lingua e esixindo os nosos dereitos de galegofalantes.

Unha dura invernía achégase. Temos que ser formigas e non carricantas. Do contrario, as folerpas cubriran para sempre esas mil primaveras que todos nós desexamos.

-
8
  • Pasaba por aquí
    23:07 on Setembro 29th, 2009 1

    Ánimo, son tempos difíciles, pero é importante ser teimudos e perseverantes. Pero si, non calar nunca, xa non podemos permitirnos iso, a próxima vez, a falar.

  • Alfredo Ferreiro
    22:19 on Setembro 30th, 2009 2

    Creo que estamos a sufrir unha MAREA NEGRA DA CULTURA. Estou de acordo en que hai que moverse, e mesmo facer algo que faga que os de TERRA DE FÓRA (como se dicía hai 1000 anos) nos apoien.

  • Estou contigo, Folerpa!
    22:27 on Setembro 30th, 2009 3

    […] recomendábel a lúcida intervención publicada no Alfaias:  «[…] Temos que ser como formigas, non calar, actuar alí onde está o debate, incluso xeralo […]

  • folerpa
    10:40 on Outubro 1st, 2009 4

    Graciñas meus, temos que poñernos en marcha e non andar sempre ao rebufo.

  • paideleo
    12:47 on Outubro 1st, 2009 5

    Pasoume algo semellante o ano pasado cos gardería do neno: que se ían proibir falar castelán, que ían aprender o himno galego e demáis papaxadas. Claro que quedas calado porque quedas apampado de tanta tontería.
    Temos que luitar contra a marea pero sen discusións porque quen nos mire discutir non ha de saber quen é o parvo dos que discuten.

  • Veloso
    21:25 on Outubro 1st, 2009 6

    Son moi malos tempos, pero hoxe conseguiches contaxiarme o espírito de loita.

  • A Mesa Ourense » Temos que ser formigas…
    19:17 on Outubro 2nd, 2009 7

    […] Trafegando Ronseis atopamos unha ligazón a Temos que ser formigas e non carricantas! no blogue Alfaias. Na liña do que pensamos, a batalla importante, a das ideas está na rúa. A […]

  • Generic Viagra
    16:07 on Febreiro 23rd, 2011 8

    Muy interesante, estoy tratando de aprender el idioma pero lo encuentro un poco complicado, a lo que pude entender hubo un problema con un libro.
    sv77

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en