
Ás veces convén saír fóra, para decatármonos do que realmente somos e temos. Acudir durante catro días ao GALEUSCA en Euskadi, supuxo a constatación dunha realidade que ignoraba en relación coa literatura vasca e catalá e cos seus creadores, polos menos cos que participaron no encontro en representación das súas respectivas asociacións. Alén das conclusións das diversas mesas de traballo, e do comunicado final do congreso, regresei a Galiza coa firme convicción de que nós temos claro onde estamos, malia os ataques que estamos a recibir, cara a onde queremos tirar e os medios e ferramentas que hai que empregar nese camiño de futuro.
A nosa delegación malia o heteroxéneo da súa composición -poetas, narradores e críticos- é moi homoxénea na súa perspectiva: sabemos que o partido vaise xogar no campo dos novos soportes dixitais con todo o abano de posibilidades que iso nos abre tanto no campo da difusión, visibilidade e socialización da nosa lingua e cultura, como no campo da propia creación, onde a procura dunha nova literacidade e o emprego do hipertexto suporá unha remuda no xeito en que moitos escribimos.
Resultaba cando menos estraño, por non cualificalo doutro xeito, escoitar falar de accións de rúa cando os nosos potenciais lectores están metidos nas casas perante as pantallas dos seus ordenadores. Con esa viisón, iniciativas coma este obradoiro de creatividade na rede da Concellería de Cultura de A Coruña serían impensables.
Ou tamén escoitar afirmacións como que o libro electrónico é cousa aínda de dez anos e que seguimos no momento papel, polo que poñerse a falar agora da xestión e control dos dereitos de autor neses novos soportes é unha pura entelequia.
A algúns, a súa cegueira fronte este cambio que está a acontecer fronte aos seus propios fociños, unha revolución similar á que supuxo o paso do sriptorum á imprenta, os define perfectamente. E iso, que foron privilexiadas testemuñas da derruba da industrial musical e o cambio que provocou no seu modelo de negocio a desaparición do soporte físico, e están contemplando dende primeira fila o que está a pasar cos xornais tradicionais.
En fin, que nós ollamos, ilusionados, cara ao horizonte onde amence un novo día, mentres outros, cegos, miran ás súas costas cara ao solpor dun tempo vello que xamais volverá nacer. Sabemos que o camiño será longo e revirado, mais, afoutos, botamos a andar, outros, pola contra seguen ensemesmados na súa propia encrucillada.


pasa algo?






13:48 on outubro 13th, 2009 1
Seica Xerais escolleu dous autores cuxas novelas, por novembro, serán as primeiras en saír en formato electrónico na historia da literatura galega. Para min é un avance.
14:54 on outubro 13th, 2009 2
[...] sexan desgracias provocadas por unha miopía non sei se froito da boa vida, ou da mala. Disque as xentes da palabra doutras linguas próximas, cat_ES, ek_ES andan perdidas, lonxe da rede, pensando que o futuro ainda [...]
16:06 on outubro 13th, 2009 3
ti dis o que nos tamén vimos.
19:02 on outubro 13th, 2009 4
Rosario, plantexado ese asunto, pareceulles anédotico, sen relevancia ningunha. Para eles: papel, pael, papel, papel…
Goretoxo, non é unha cuestión de consolarse nos males alleos senón de abrio ante tal feito.Ti ben sabes que hai xe moita xentiña neste país cismando coa posibilidade dunha pltaforma dixital para as nosas letras buscando o posicionamento para cando o e-book sexa coma un mp3, e non faltan eses dez anso que alg´sun agoiran.
Antía, digo si,coa sorpresa coa que todos nós o presenciamos
20:57 on outubro 13th, 2009 5
Xa sei que escribo as cousas da forma máis revirada posible, pero pensei que a intención quedaba clara: que a nosa situación, ou a situación dos nosos, é mellor, máis aberta, máis atenta, máis na fronteira desa realidade (que non futuro) presente do dixital. E tamén que me parece o mellor escenario posible: o que máis potencial nos da aos espazos de fala non-mainstream.
09:45 on outubro 14th, 2009 6
Gorteoxo, seguramente foi cousa miña que aínda andaba baixo os efectos do txacoli. Concordo contigo en que ese escenario e o mellor posible para as literaturas minorizadas, pero moitos non o vían así para o noso abraio.
11:16 on outubro 14th, 2009 7
Libro electrónico en Francfort:
http://www.elpais.com/articulo/cultura/Francfort/rinde/libro/electronico/elpepucul/20091014elpepicul_1/Tes
Primeiros libros electrónicos en Galiza:
http://xerais.blogaliza.org/2009/10/14/xerais-proximas-novidades-literarias/