
Ante o rebumbio que se está a armar coas medidas antipitatería que acompañan a Lei de Sostenibilidade e a multitude de manifestos e declaracións ao respecto, gustariame con toda humildade puntualizar algúns termos sen entrar no fondo do asunto (aínda que tamén podería, pois se a un lle poden cortar a luz, o gas ou a auga sen autorización xudicial, non vexo porque non lle van poder cortar a conexión).
1º Non existe dereito fundamental ningún a ter unha conexión de banda ancha, nin no capítulo II Constitución Española nin na Declaración Universal de Dereitos Humanos hai tal, só faltaría. O dereito a unha vivenda e un traballo dignos, a igualdade, a educación etc. Son dereitos dunha transcendencia que merecen tal protección, a banda ancha non, sintoo, e poñelos ao mesmo nivel seméllame unha obscenidade, una perrencha de ben mantidos cidadáns do primeiro mundo.
2º Nun país con maís de 4 millón de parados, nun mundo cun continente en continua emerxencia humanitaria, sen auga potable, sen medicinas, nós aquí patexando polo noso dereito sacrosanto e fundamantel, off course, a piratear canta música, series de TV e filmes se nós poñan por diante. Hai que foderse.
Amais, algo fede nesta historia cando ata os neocons de Genova rachan as vestiduras ante o que califican de censura e atentado contra a liberdade de expresión. Incluso algún xarelo chegou a falar da situación dos pobres chineses, supoño que falaría de todos aqueles millóns de labregos que viven sen enerxía eléctrica no inteiror do país. Si, home, si, como se isto fose comparable ao da praza da Tiananmen.
3º Sei que o discurso pode soar demagóxico ou pode ser causa da miña formación xurídica, pero os dereitos fundamentais son outra cousa, señores. Algúns, poderían aproveitar o súa conexión para descarga a CE ou DUDH e darlle unha somera lectura, ou sacar o fociño de diante da pantalla pixelada e ver o que ocorre no mundo real, nese onde a xentiña as pasa putas para chegar a fin de mes e non se pode permitir o luxo de contratar un ADSL.
Dereitos, pode ser, fundamentais, de ningunha das maneiras.













13:51 on Decembro 3rd, 2009 1
(Ovación)
14:58 on Decembro 3rd, 2009 2
Cada día, e mentres non se me demostre o contrario, me gusta máis vostede.
19:47 on Decembro 3rd, 2009 3
Graciñas, meus. O sábado deixei de mercar xornais indignado, pero é que a este paso un vai ter que tapar as orellas tamén: escoitase cada cousa.. que en fin…
22:15 on Decembro 3rd, 2009 4
Supoño que se o manifesto lle parece \obsceno\ porque vivimos \nun país con maís de 4 millón de parados, nun mundo cun continente en continua emerxencia humanitaria, sen auga potable, sen medicinas\, imaxino que se absterá vostede de reclamar un montón de dereitos mentres toda a poboación mundial non teña garantido un mínimo de benestar. Paréceme moi loable pola súa parte, pero vendo que ás veces reclama vostede os dereitos dunha lingua minoritaria, pode ser que un subsahariano baixe da patera pra dicirlle que asinaría pola desaparición do galego a cambio dun permiso de traballo, cousas así. O argumento que esgrime é tan demagóxico que cae polo seu propio peso, Folerpa. Que reivindiquemos dereitos no primeiro mundo non nos fai cómplices de todo iso que vostede di, máis ben o contrario. Non creo que unha muller do primeiro mundo se sinta \obscena\ por reivindicar dereitos que unha muller afgana nin sabe que existen. A min paréceme unha barbaridade a ablación de clítoris, pero non por eso me parece inmoral que unha muller queira cobrar 2.000 euros ao mes polo traballo que un home fai cobrando 3.000. Seguro que a vostede tampouco.
Por outra banda, ninguén fala do dereito a piratear, senón a compartir. E si, hai que foderse. Hai que foderse porque, de novo fai vostede demagoxia ao considerar indefendible unha postura polo mero feito de que a defenda un neocon. Se Aznar di que non hai que roubar flores, imaxino que vostede se convertirá ao día seguinte nunha especie de \El Solitario\ de canta floristería haxa por Vigo.
00:11 on Decembro 4th, 2009 5
Anton, se quere podemos pasar da ablación aos piratas do Alakrana e xustificamos a súas accións, digo por seguri coa demgoxia. E por favor se iso é un dereito é que eu estudei seis anos, si seis, de carreira trabucada… Pero vos tranquiliños, despois de todo o rebumbio xa saiu hoxe ZP, que fai política a golpe de share,a rectificar. Asi que veña, a seguir pirate…, perdón, compartindo(se case parecedes uns fratellli). A información vos fará libres, abofé que si.
01:27 on Decembro 4th, 2009 6
A ver, Folerpa, que parece que non te enteras da movida, meu rei. Non entendes, por exemplo, que se fotocopio (“pirateo”) un exemplar de “Festina Lente” a ti só che estou quitando 1,71 euros, xa que ti só levas o 10% de cada libro en dereitos de autor? O libro custa 17,10 euros. Se o roubo, a quen lle quito a maior parte da pasta? Home, pois ao editor, que é quen negocia cos 16 euros restantes, a conta dunha novela que ben traballo che debeu dar. En consecuencia, o que deberiades facer os autores é facer forza para que os editores non vos tomen o pelo, e demandar porcentaxes máis altos, non ir contra de quen decide fotocopialo porque lle parece caro. Pero, por que non vos dan porcentaxes máis altos? Home, porque así viven moi ben. Non defendas ao patrón, Folerpa, abre os ollos!
01:46 on Decembro 4th, 2009 7
Anita, se o meu editor levase o que ti dis estaría dando chimpos unha semana.Por certo das túas precisas contas hai que descontar o IVE. E por certo, estarás de acordo comigo en que ese 1,71 € por libro, que a tí che parecen migallas, son meus, non si? Pois ante isto case non temos máis nada do que falar, raiña, dito con todo o agarimo. Amais non teño ganas de discutir, que teño unha razón moi importante, como lerás enriba, para estar ledo.
21:43 on Decembro 4th, 2009 8
Se cadra eu diríao con menos vehemencia (cousas da idade), pero estou moi de acordo co que vostede defende no post. E son ben simpáticas as contas de Anita, á que lle conviría coñecer quen leva o que se paga por un libro (só acerta no de que os autores son o elo máis feble).
22:03 on Decembro 4th, 2009 9
Moitas grazas lector, xa ve como anda o patio. O da vehemencia é un dos mues maiores defectos, confésoo.
12:28 on Decembro 6th, 2009 10
Anita, ese argumento é comparable a dicir que se estou sendo secuestrado por nove secuestradores e cando entran a salvarme morremos todos debo estar contento porque non son máis que o 10% dos afectados. (Ía poñer outra palabra pero ultimamente está de moda meterse tamén nese saco) E líbreme deus de comparar ós meus editores con delincuentes.
Tamén poderiamos tirar por outro lado: non sei a que oficio se dedica cada quen, pero dubido que non se trate, en calquera caso, da execución dunha idea. Se sodes pintores de brocha gorda xa podedes empezar a entender perfectamente que eu vos chame para pintar e logo, cando vaiades pintar na casa dos meus amigos non vos paguen. Por certo, falando de pintura, como supoño que os cadros que tes colgados na casa son ideas, xa podes ir rulándooos de balde.
O peor do conto é que a cadea racha sempre polo lado máis feble e, neste caso, temos unha morea de xentes intelixentes aplaudindo que así sexa.
12:51 on Decembro 6th, 2009 11
http://desafogos.blogaliza.org/2009/12/06/un-debate-no-feis/
Máis do mesmo.
13:00 on Decembro 6th, 2009 12
[...] r.r. categoría: Sen clasificar Aí atrás puxen no galifeis a ligazón ó penúltimo post do señor Folerpa das Alfaias. E iniciei un debate -no que sei que vou saír perdedor- con Antón Dobao. E como o señor das [...]
20:39 on Decembro 6th, 2009 13
Pode que vostede erre o tiro. O que pasa coa industria cultural é moi semellante ao que pasa coa clase política. Hai uns cantos enpoleirados que se levan os cartiños -editoriais grandes, grupos mediáticos cada vez máis concentrados, grandes multinacionais da distribución- e outros que, polo que sexa (falta de organización, luces, medios económicos) producen, miran e reciben migallas.
Políticos: http://www.xabierpita.es/2009/12/los_politicos_acumulan_decenas.php
E iso non é demagoxia, é unha risa que fan de nós, os votantes que producimos os seus soldos, miramos, votamos cando nos deixan e recibimos migallas.
Os tempos están mudando. E iso vale para todos.
00:21 on Decembro 7th, 2009 14
Non, amigo Folerpa, os que saltamos da cama contra esa tentativa de pechar webs sen mandato xudicial non defendemos a pirataría (salvo os impresentables do PP, que hoxe se suman e mañá se gobernasen virían con máis saña). Trátase de non permitir que os lobbies e xestores de cánones actúen con patente de corso amparados polo Ministerio de Cultura, facéndonos pagar unha e outra vez por cousas que en ocasións nin necesariamente usamos.
Ninguén pode defender que os autores teñan que traballar gratis ou que a industria cultural non faga negocio. O mercado ten que existir, e iso ten unhas fórmulas mínimas para que o logre.
A cuestión é que nun momento en que os recursos tecnolóxicos son tan eficientes non ten sentido abusar tanto dos prezos, se non é para forrarse a conta da baratura da copia e a distribución na era da globalización.
Que os autores cobremos unha miseria nalgunhas ocasións non quere dicir que teñamos que ladrar cos cans das multinacionais por medo a deixar de percibir uns azucarillos cando nos sacan a bailar.
10:59 on Decembro 7th, 2009 15
Alfredo, eu non ouveo nin represento multinacional ningunha. O que que me alucina é esta historia encha a axenda política dun país durante unha semana (os meus parabésn aos estrategas de Zp)cun discuro cheo de falsidades e medias verdades. Amais non todos os autores somos iguaias e temos as mesmas armas para loitar: os escritores, que quede ben clariño non pertencemos a SGAE nin levamos todos a unha e cella con ZP.
O que me reventa e queda cada dous por tres se tire da expresión “dereitos fundamentais” sen vir a conto. E xa digo que pode ser causa da miña formación xurídica.
O mellor de todo e que nos grandes despachos das compañías telefónicas deben estar a escachar coa risa, sen mover un só dedo o seu negocio segue a sallvo.
12:49 on Decembro 7th, 2009 16
De acordo, compañeiro, podo comprender iso. Pola miña parte o que é insoportábel é como falan a todas horas da pirataría que hai que evitar, metendo no mesmo saco o dereito a intercambiar contidos de calquera tipo cos negocios fraudulentos duns poucos que negocian con produtos que non lles pertencen. E todo isto principalmente porque o que pretenden os lobbies é tirar as mesmas porcentaxes de beneficio nunha era en que a reprodución e a copia non valen nin van valer o de antes. Eles planexaron o negocio de sempre para o público a nivel planetario grazas á globalización, e agora médranlle os ananos.
No mundo cópiase moito e sen permiso por dous motivos: a tecnoloxía está barata (aínda que lles tiremos o koltán da saúde ao pobres africanos) e os salarios e os remorsos (a nivel xeral) son cativos. Mais nin con estas as multinacionais mudarán un negocio que aínda está a cabalo entre o electrónico e o papel. Antes someten os cidadáns, que é o que están a facer.
01:30 on Decembro 8th, 2009 17
Faime gracia esa historia dos lobbies e os editores, seres tremendamente poderosos que se adican a usar o traballo dos autores e a forrarse impunemente, que menos mal que están os de Internet para loitar contra eles. E faime máis gracia no mundo cultural galego, claro, máis quixéramos que contar con enormes lobbies e inmensos grupos de distribución cultural. O certo é que a un editor recomendaríalle, se o que quere é gañar cartos, que invista en gas natural, ou en aeronáutica, que o dos libros non lle vai dar tanto. Isto recórdame a esas contas de “claro, ti cóbrasme a copa a tanto, e no super sáeche a moito menos, hai que ver o que gañas”, esquecendo o IVE, o aluguer, a luz, os empregados, etc. (Traballei no sector, nótase)
02:24 on Decembro 8th, 2009 18
Eu traballo acarón do sector, e padezo todos os impostos e cargas que comentas, Xosé, no meu negocio. Se falo dos lobbies é porque a falsa discusión sobre se a pirataría está ben nace da demagoxia desas multinacionais. E resulta falsa porque o roubo non está ben, corazón, e iso non ofrece dúbida. Os editores galegos, como todos os empresarios deste país, facemos o que podemos e traballo nos costa ter opinións independentes das que eses lobbies nos mandan a través dos medios de comunicación.
Hai piratas, si, mais algunhas patentes de corso son concedidas polo Ministerio de Cultura actual, polo que se ve.
Onde está a xente respectábel? Esforzándose por descubrir cal vai ser o modo digno de continuar cun negocio que precisa mudar substancialmente de configuración.
16:47 on Decembro 10th, 2009 19
Eu entendo as posicións de todos. Pero, como profesional creativa, é dicir como persoa que produce produtos orixinais, innovadores e únicos, froito do seu esforzo e dedicación e miles de horas de traballo sufro, como moitos compañeiros a moda de que moitos profesionais sen escrúpulos e xente de variadísima condición, rouben sen nengún tipo de escrúpulo o meu traballo, e o presenten como “seu”, sinatura incluída. A xente está tan habituada a “fusilar” que a situación está chegando até extremos alucinantes. Poño un exemplo: eu estou a recibir currículums profesionais para traballar na miña empresa. Neles os aspirantes incorporan parte do meu traballo, firmado como seu, con toda a despreocupación do mundo: extractos das miñas memorias de traballo, debuxos, etc. Non é necesario decir que non chamo a estes candidatos para nengunha entrevista, pero os cabreos que collo son monumentais. O outro día comentando isto entre compañeiros faláronme de que lle está a acontecer o mesmo aos profesores na Universidade. Eles asisten pasmados a unha tropa de alumnos que lles presentan o seu traballo roubado, sen nin siquera lembrar de onde o roubaron, e llo poñen diante das narices para que os profesores llo “corrixan”. Isto é o mesmo que parar diante dunha casa de labregos, roubarlles os repolos diante das narices e despois chamar á súa porta para venderlles repolos a un prezo de ganga e alardeando de que foron cultivados con tremendas virtudes “cultivatorias”. E, despois de todo isto aínda hai que andar por ahí escoitando teorías dos que nada teñen que ver co mundo da creación e non saben de onde veñen os tiros… Sen ir máis lonxe o outro día había quen decía que a obriga dos creadores era poñer todo na rede para que fose máis fácil roubalo. O resultado do traballo parece que todo o mundo quere que sexa de todos. O traballo e o esforzo para chegar aos resultados é sempre destes poucos que resistimos como podemos. Surrealista situación.
19:11 on Decembro 10th, 2009 20
Lucenza, non se pode ser máis clariña, suscribo todo o que dis.
20:56 on Decembro 11th, 2009 21
Luzenza: o que se atreva a defender o roubo non pode estar neste coloquio. Nin o descuido admito para culpabilizar o roubo. Lembro o día en que esquecín no garaxe un par de botellas de viño outro par de fitas de vídeo. Aos 30 min. lembro o descuido e baixo: estaban alí? Non, claro. Algún veciño atopou aquilo e pensou que era mellor levalo para a súa casa. Eu en primeiras pensei que fora culpa miña, mais despois tiven claro o asunto: a culpa foi do ladrón. Ao ladrón non o fai a ocasión, como ao violador ou ao asasino, faino a seu ruinoso mundo interior.
Por outro lado, para min a cuestión tamén é esta: se antes pagabamos unha casa con xardín por un códice iluminado, unha vez que existe a imprenta ninguén pode sensatamente pretender que lle paguen o mesmo polo libro. Pois aplicade nos casos que podan ser equivalentes o que custa hoxe a reprodución da música e a literatura dixital. Que a xente fusile as obras non só é falta de respecto polo negocio que implica a tantos, é tamén resultado dos avances tecnolóxicos que, do mesmo modo, debería facer baixar os prezos dos produtos. Mais non a custo dos autores, evidentemente, que son xunto cos editores, os únicos claramente imprencindíbeis.
02:08 on Decembro 12th, 2009 22
Quero engadir que na Universidade o que me comentaron, dende a Dirección dunha das Facultades, é que por desgraza non tiñan NIN UN SÓ EURO para solucionar/ loitar contra esta situación, que eles estaban sós e desarmados e que en toda a Universidade só había un asesor xurídico que non comprendía o problema nen o seu alcance. As asesorías xurídicas son moi, moi caras e os autores non temos medios para acompañar cada segundo da nosa respiración con rexistros e abogados. Hai rexistros que son baratos e rexistros que son carísimos (eu acabo de rexistrar un material, despóis dos últimos roubos, e gastei máis de 12000 euros que non tiña (este rexistro é, en España, 20 veces superior en coste ao mesmo rexistro noutros países de Europa). Despois, ainda que teñas toda a propiedade intelectual e industrial megarexistrada moitas veces o que fan os “buitróns” é copiar sen pudor e meterte en líos xudiciais ou copiar con “pequenas variacións”, tan pequenas que só as perciben os seus avogados. E así podes estar toda a vida… (eles dispoñen de grandes equipos de avogados e tí tiras dos amigos como podes). Pero a última moda é aínda máis alarmante. Exemplo real: Chaman dende a ADMINISTRACIÓN a un equipo de profesionais que tiñan feito un fantástico traballo, “superpremiado” ademáis. Ocurríuselles encargarlle o seguinte traballo, relacionado con este tema, a outro equipo (moito peor en calidade pero con outras “vantaxes” seguramente cazísticas). Entón esixiron a este primeiro equipo a entregar, ao segundo equipo, o material orixinal (arquivos nai) para facilitarlle o traballo en tempo record a este segundo equipo (de enchufados..). O primeiro equipo ALUCINA coa conversa e dende a ADMINISTRACIÓN responden: “E que resulta que xa llo íamos dar nós (cando entregas na administración moitas veces piden arquivos nai e outras veces esixen os mesmos) pero claro o tema é que non recordamos onde o metemos así que por non buscar máis e se sodes tan amables entregádelle xa vós os arquivos nai a este segundo equipo. (que tivo o rostro de pasar persoalmente pola empresa do primeiro equipo a facer o “roubo” en directo… Agora imaxinade que sodes unha empresa galega que traballa moito para a ADMINISTRACIÓN e que aínda por riba queda con cara de parva cando recibe a chamada e que non sabe xa qué responder e que non pode emprender accións legais contra este roubo (contra a ADMINISTRACIÓN é inutil emprender nada… , aparte do risco implícito de danos colaterais).
Segundo exemplo real: Un deseñador de stands recibe a chamada dende a ADMINISTRACIÓN neste caso de Madrid. Pídenlle en tempo record o deseño dun stand para unha promoción nun dos espazos públicos da capital. Pídenlle tamén que polas presas vaia enviando os arquivos do que teña xa resolto, en pdf, á Dirección Xeral correspondente. O deseñador contrata colaboradores para acabar o traballo en plazo e ter aos seus clientes satisfeitos. No momento en que estaban encadernando as copias manuais do deseño dínlles na tenda de encuadernacións: “Xa vimos este stand, que bonito vos quedou, non sabíamos que era do voso estudio”. Eles responden perplexos: “imposible, imos entregalo agora mesmo”. E os da tenda insisten, non, non, xa está feito, na rúa tal e cual acabamos de velo.. Efectivamente, mentres o estudio de deseño encadernaba e preparaba os últimos detalles para ir entregar todas as carpetas, á ADMINISTRACIÓN en dous días fixera o stand cos pdfs enviados por mail (aínda que non tiña a inf completa). O deseñador falou con eles e fixéronse o avión (por suposto non pensan pagar o proxecto do autor real, que xa non lles fai falla para nada). Agora o deseñador está metido en abogados, alucinado co tema. É a primeira vez que lle pasa en 42 anos de profesión, pero ao seu fillo acaba de pasarlle dúas veces en só 4 meses de profesión. Todo nos últimos tres meses e nestes últimos casos o roubo está realizado polo propio cliente. Teño, deste ano, uns quince exemplos máis, que son igual de ilustrativos. Dicir tamén que nalgunhas profesións non se fala doutra cousa xa… Os prezos do noso traballo non cubren custos dende hai tempo, e aínda por riba temos que enfrentarnos a unha guerra de armas dixitais na que se nos “invita”, incluso dende a administración, a entrar no paredón e entregar gratis o produto do noso traballo. A min dame a sensación de que todo isto é unha tolería atroz, unha situación esperpéntica e para todos os que realmente TRABALLAMOS completamente axfisiante.
12:42 on Decembro 14th, 2009 23
Iso que contas non ten volta de folla. Agora imaxina que a Administración, ademais de levar a cabo ese latrocinio e ese tráfico de influencias, puidese pechar webs que lle resultasen molestas sen intervención xudicial, simplemente por actuación dunha comisión dos seus amigos que así o determinase.
Nalgúns casos actuarían adecuadamente, mais o terror non abandonaría a todos aqueles que usamos a rede para cuestionarnos o mundo que os medios tradicionais ocultan por intereses económicos, por exemplo. Calquera web “molesta” podería estar na picota.
A inxusticia de casos como o que contas non pode servir para aplicar un control censor sobre o dereito xeral a expresarse nun medio propio como unha web. Hai que demostrar que hai delito para castigar, e hai que castigar os delitos evidentes xa coñecidos e que pasan cada día, como os que contas.
15:46 on Decembro 14th, 2009 24
Totalmente dacordo. Eu non propoño nengún tipo de censura na rede. Se a rede non fose libre perderíamos a única plataforma de expresión sen censura que existe. Pareceríame aberrante que unha comisión puidese pechar as webs que non lle interesasen porque ao final todos imaxinamos o tipo de persoas que formarían parte desa comisión, o control político, político-económico da mesma, etc. O único que eu quero, sobre o tema da propiedade intelectual, dereitos de autor, etc é que a xente comprenda que é un tema moi amplo, moi complexo e moi delicado; con moita repercusión cultural e económica. Moita xente da rúa pensa que o tema dos dereitos é un tema que afecta só aos cantantes e ás discográficas, ou simplificacións absurdas similares. Os dereitos sobre a propiedade intelectual e industrial afectan a todo o tecido produtivo e creativo do país. Os medios de comunicación e os políticos repiten unha e outra vez que hai que “innovar” pero a estrutura académica, produtiva e económica española non protexe a innovación, nen a investigación. Todo o contrario. Como din na Universidade española “universidade que investiga universidade que cae na ruína” (isto é extrapolable a moitas empresas, dependendo da actividade á que se dediquen). Se eu invirto en I + D e non hai protección estrutural sobre o meu produto entón o resultado é a ruína directa. Eu perdo o valor engadido do meu produto, que outros venden como seu, perdo a capacidade de diferenciarme porque todo o mundo está a “copiar” as miñas ideas, perdo aos clientes porque os que traballan con material roubado darán sempre un servizo máis barato ca min (que teño que recuperar os custos de I + D), … etc. Creo que o debate que se está a producir non é serio. O problema non é só un problema de descargas na rede de MP3, ou etc. Tampouco é só un problema do modelo de negocio dos grupos editorias de música ou libros. É un problema moito máis profundo e que condiciona todo o proceso produtivo de moitas actividades e servizos, tanto de grandes empresas como de PEMES ou autónomos.