"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

16 Marzo 2010 at 12:21

O decreto como arma de destrución masiva

Este decreto é unha arma de destrución masiva, non só do galego senón tamén da pacífica convivencia nos centros educativos. Unha norma de deixa aos mestres aos pés dos cabalos. Se os pais poden obrigar aos mestres a empregar unha determinada lingua na súa materia, que autoridade moral lles quedapara afrontar o día a día cos seus alumnos.

No preámbulo do decreto enchéseslle  a boca invocando en van o Estatuto e a LNL, pero malia todo non enganan. A folla de ruta está marcada: desgaleguización e revanchismo político. Chega con ler o que se afirma do anterior decreto:

“O Decreto 124/2007, de 28 de xuño de 2007, orientouse nomeadamente cara á obtención dunha competencia axeitada en lingua galega no ensino obrigatorio, sen o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, o cal podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptado por todos os galegos e galegas.”

Con este paragrafo bendícese aos negacionistas e legalizase manu militare a mentira da imposición do galego. Alguén pode crer que o castelán estaba en perigo de extinción?  Que iamos camiño de trocar o mapa sociolingüístico do país?

Sobre os supostos principios que o alicerzan:

-Non se garante unha igualdade na competencia lingüística nas dúas linguas como no anterior decreto nin na LNL, aquí fálase de “semellante”, un matiz moi importante.

Con este sistema só os galegofalantes, coma sempre, terán esa competencia. Incluso penso que estes a van a perder dada situación diglósica que se pode producir nas aulas, como se verá, ante o emprego por parte dos alumnos do castelán en exames, deberes e expresión oral fronte ao galego da materia. Nunha clase de coñecemento de vinte alumnos con nove empregando o castelán acotío, como lles vai explicar a materia o mestre? Que motivación terán aqueles que se esforzan e estudan en galego ao ver aos seus compañeiros pasar? Mudarán  os mestres en tradutores simultáneos das súas explicacións? Ante este panorama case vai resultar irrelevante a lingua da materia.

-A procura do equilibrio horario dada a situación de desigualdade social galego/castelán da que se parte non garante a devandita competencia. A escolla  da lingua das diversas materias é política, non de equilibrio horario, o galego vale para falar de nós, do local, do máis próximo, da terriña,  pero a ciencia , ai, iso e cousa do castelán! Como se van facer ecuacións ou estudar a táboa periódica en galego.

-En relación coa tan cacarexada participación dos pais, case semella unha blasfemia dicir que a LOE regula as canles de participación destes, vía consellos escolares a  través do seus representantes electos e que  unha sentencia do TC limita a escolla dos pais á materia moral ou relixiosa, mais nada.

Por que non se escolle tamén a lingua estranxeira? Eu  quero chinés  e non inglés.

Pero é que ademais aceptando a efectos puramente dialécticos este sacrosanto principio populista, a aplicación  que logo se fai é claramente discriminatoria: de xeito anual na infantil e cuadrienal na primaria. Perden dereito a escoller os pais a medida que o seus fillos crecen? Darase o caso de que un neno entre na primaria e os seus pais non poderán decidir sobre a súa lingua ata 5º curso, pois xa os pais anteriores decidiron por el. Ou ben poderíase dar o caso de que ao verificarse as votacións por curso e non por ciclos como resultaría máis lóxico, un rapaz mude ano a ano durante toda a primaria a lingua de coñecemento ou matemáticas. É isto pedagóxico?

Infantil

Primeira trapallada: non se fai distinción entre o ciclo 0-3, as galiñas azuis esas, e o 3-6. Non é o mesmo pedagoxicamente un neno que comeza coa linguaxe oral que aquel que esta na aprendizaxe dos rudimentos da lecto-escritura.

Pásase de falar da “lingua materna predominante” do decreto 2007  a “lingua predominante entre o alumando”. E non son o mesmo, hai un matiz moi importante. Lembremos que hai un Día da Lingua Materna peor non da lingua predominante.

Está lingua predominante a escollen os pais cada ano e lla impoñen ao mestre que en todo caso deberá ter en conta a lingua do contorno, procurando que os rapaces adquiran o seu coñecemento. Pero, en fin, sen se esforzarse e moito, non vaia a ser… O ton do texto é calquera cousa menos imperativo. Todo aquilo do decreto do 2007  de que o galego fose o idioma base da aprendizaxe foi fulminado.

Pero o máis grave e discriminatorio xorde do apartado  3º do artigo 5, onde se dá o primeiro paso para unha futura segregación nas aulas por linguas ao establecer  que  se atenderá de xeito individualizado ao alumnado que non teña coñecemento da lingua predominante. Primeiro, será nun recuncho da clase e logo, co tempo será nunha aula aparte. Ese é o fin da súa folla de ruta, a  segregación, ou cando menos a claudicación dos galegofalantes. Cando o rapaz se queixe ao seu pai porque queda marxinado fronte aos seus compañeiros pola súa escolla idiomática, que fará ao curso seguinte cando lle pregunten? Todos tedes a resposta, subirse ao carro da lingua predominante, por non dicir asoballante.

(Continuará)

-
3
  • Xiao dos Ancorados
    23:57 on Marzo 17th, 2010 1

    Folerpas como ti ben apuntas revanchismo puro e duro, e a primeira vez que vexo que se elabora un decreto facendo unha crítica doutro. O tema dos pais, e moitos o somos, simplemente unha pura manipulación, pero non é nada novo, en confrontacións pais, mestres, as de perder sempre as levaban os mestres. A inspeción educativa funciona, en xeral, ao redor, dunha máxima: se a min non me molestan eu non molesto a ninguén e en caso de dúbida voume con quen teña mais ubres, os pais. Aos pais deuselles un caramelo (mando en praza) que tiña unha doble funcionalidade, gañar votos e ter collidos polos xermes da vida ao que eles supoñían,e con acerto ,a maior oposición coa que se iban a atopar, os mestres.Xa sabes divide e vencerás. A ver quen é o parvo que despois de chuchar un caramelo non quere mais, moitos pais do gusto nin se atopan, e estarán cantando sen descanso aquilo tan socorrido de “Que buenas son las madres carmelitas, que buenas son que nos llevan de excursión”
    Sobre o outro tema central sobre o que se sustenta esta desfeita, “a imposición do galego” ti e mais eu xa falamos onde reside a manipulación, na súa comparación coa situación que queren impoñer co inglés.
    Apuntoche algo mais, o Srto Lorenzo, que creo tiña algo que ver co anterior decreto, non o sei pero xuraría que ten algo que ver neste, lavouse as mans coma Pilatos e estableceu a filosofía primixenia deste decreto nunha falacia, o galego está normalizado, así se lle pode aplicar unha distribución horaria igual co castelán e podemos facer desaparecer, aí te-lo truco, os equipos de normalización e dinamización lingüística porque non fan falla e deixalos so na segunda acepción. Así ninguén lle pode dicir que non sexa continuista, xa que co anterior decreto normalizou.
    A durmir, amighiño, que é hora de descansar a testa, que de tanto darlle voltas á mesma así aparecen os peiteados que aparecen,iso dos que aínda podemos.
    Posdata; o artista (de varietes) anteriormente chamado Gloria L, mudou de nome polo nome medieval do porto onde estan situadas as súas raigames galegas

  • José Antonio Pazos Pazos
    11:22 on Marzo 20th, 2010 2

    http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/educacion-insiste-mais-galego-nas-aulas-non-vai-compensar-sua-menor-presenza-noutros-ambitos/idEdicion-2010-03-20/idNoticia-527722/?alerta=122#formComentario
    Visita o Clube da Comedia.

  • O mundo desde un chimpín » O decreto do espanhol
    04:35 on Agosto 10th, 2010 3

    […] seus webs), como partidos políticos (BNG, PSdeG-PSOE, AGIR, NOS-UP), como persoeiros da cultura (Marcos S. Calveiro, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado), como associaçons de pais e nais, associaçons de defessa da […]

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en