"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

27 Xuño 2010 at 01:01

O galego é sexy e punki

Supoño que a presenza de Rivas como académico e de Ferrín como presidente da RAG, así como a situación de emerxencia da nosa lingua, foi a determinante na escolla de Lois Pereiro para a homenaxe do Día das Letras do 2011 (aquí xa reivindicada de vello). Despois do belixerante informe da RAG contra o decreto do galego non había outra. O camiño xa fora marcado por Uxío Novoneyra este ano e había que seguir nesa andaina.  Aqueles que nos negan e que nos atacan teríano moi sinxelo se unha vez máis se lle dedicaba  o día grande da nosa lingua  a outro deses cadáveres decimonónicos  que adoitamos rescatar ano a ano. A nosa lingua viva aínda, malia os desexos suíños de moitos, presentaríase  de novo perante a sociedade como unha lingua morta. Rivas e Ferrín sabíano.

Lois é un poeta centroeuropeo, desa Europa que soñou Thomas Bernhard, autor  ao que el tanto citou coa devoción dos convertidos. As veces os seus versos son crípticos e mestos, pero coa cativadora beleza que ten una arcano indescifrable, no que, malia resultarnos inalcanzable, sabemos que reside a VERDADE, así en maiúsculas. Un poeta, como non, con luces e tebras, como calquera de nós,  do que agardo se fale con claridade nos institutos sen ter que recorrer ao mediocre e mentirán verniz do politicamente correcto.   

Lois é unha lenda para moitos dos que coma min somos uns neofalantes. Lembro cando con vinte anos quería ser poeta e escribía e falaba aínda en castelán.  Lía en galego, si, pero para min non era sexy nin punki —prexuízos da mocidade, síntoo—.  O que lía en galego estaba ben si, pero non atopaba o que encontraba noutras  literaturas, e músicas, especialmente na anglosaxona. Non atopaba  unha voz que me falase de ti, que me bisbase na orella.  Unha voz coa que identificarme.  Unha voz que soltase verdades coma puños. Unha voz como a de Ian Curtis en Joy Division. Non tardei moito en atopala e resultou que foron dúas e non unha. A primeira foi a de Rivas en Ningún Cisne ( Sotelo Blanco 1989) e a outra foi a de Lois en Poemas 1981/1991 ( Postivas 1992). Con eles caeron os meus prexuízos, descubrín o sexy e punki nas nosas letras e comecei a escribir na miña lingua.  Sei que no camiño da escrita que eu seguín non hai nada deles, xa me gustaría. Mais non deixo de pensar de que eles foron os responsables de que, ante aquela afastada encrucillada onde unha vez estiven, escollese o camiño correcto, o único camiño. E estoulles moi agradecido.

(Agora mesmo, mentres escribo isto no portátil, no corcho que teño na parede fica cravada unha postal cun extraordinario retrato seu obra de Manuel Vilariño. Hai quince anos que me acompaña, resistiu mudanzas, fracasos e éxitos. É o meu particular santiño, laico, punki  e galego, por suposto)

(Amais, que por vez primeira eu e moitos outros da miña quinta teñamos nos nosos andeis todos os libros dun homenaxeado no día das letras ten que significar  algo,  ou non?)

Chuzame! A Facebook A Twitter
-
6
  • Tweets that mention O galego é sexy e punki | Alfaias -- Topsy.com
    10:26 on Xuño 27th, 2010 1

    [...] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado and nasa, marcos calveiro. marcos calveiro said: Queremos tanto a Lois http://alfaias.blogaliza.org/2010/06/27/o-galego-e-sexy-e-punki/ [...]

  • Paz Raña
    11:52 on Xuño 27th, 2010 2

    Settecentos parabéns por esta intelixente achega. :) )

  • A profa
    22:01 on Xuño 27th, 2010 3

    Encántame!
    Claro que significa algo, no meu caso, a recuperación do propio pasado, no dos máis novos, supoño que a posibilidade de ver que outras letras son posibles, sen dúbida.
    Saúdos.

  • Molèculas
    13:52 on Xuño 28th, 2010 4

    Vexo polo teu Twitter que xa liches a Caneirada. Ía ligarcha aquí, porque me deixou bastante flipado, máis que nada polo da (inexplicada) “corrección política”.

    http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/06/28/0003_8577866.htm

    A min, con Pereiro, aconteceume algo parecido ao que contas: foi o primeiro poeta que puiden ler, comprender e disfrutar sen intermediarios, sen explicacións académicas nin recomendacións persoais. Falaban noutra páxina de cómo explicarlle Pereiro aos cativos… Para os cativos se cadra non tanto, pero penso que a súa actitude (moi emocional, melancólica ás veces, rebelde outras, de raiba, de dor…) é perfectamente accesible aos adolescentes.

  • folerpa
    14:31 on Xuño 28th, 2010 5

    Graciñas Paz,Profa.
    Moléculas,supoño que con Pereiro pasounos a moitos algo parecido, foi unha epifanía xeracional.
    O do de Verín non me sorprende, está na súa liña…

  • Brétemas » Lois Pereiro e a Academia Galega
    10:37 on Setembro 4th, 2010 6

    [...] con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano [...]

  • Twitter Calveiro

  • Artigos recentes

  • Falaron

  • Histórico

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en

Olark Livehelp