Seica hai moitos que seguen a pensar que un país se pode construír dende a cómoda cadeira dun departamento universitario e que a esperanza se agocha baixo unha mesa-camilla. ESES, que se autocualifican como os verdadeiros gardiáns das nosas esencias, os únicos expendedores de pedigree galego, pontifican que o futuro dunha lingua reside no mofo que cubre a pedra vedraña dun panteón de ilustres ósos. ESES que cren que só eles teñen o dereito a escoller o cadáver que ano tras anos exhumamos e paseamos en santo cortexo por todo país. ESES que só nos deixarán como herdo o canón intocable dos ortodoxos, o dogma de fe dos puros de sangue, xa que serán soterrados coas súas miserias e os seus prexuízos.
Pois ben, ESES, seica andan moi indignados coa escolla de Lois Pereiro. Que NÓS, os neofalantes, non temos dereito a apropiarnos do seu día, dun dos seus poeirentos símbolos. Por que NÓS, os que escribimos arreo en galego, os que aprendemos o galego nas escolas, os que cantamos e recitamos nos bares en galego, os que facemos filmes en galego e os paseamos polo mundo, os que tuitemaos e nos socializamos en galego nunha infinda arañeira, somos uns conversos, o noso sangue é impuro. Porque NÓS, que non mamamos dos tetos do seu ideario reseso construído cos refugos do seu fracaso, estamos infectado polo virus da heterodoxia, da marxinación e da mestizaxe.
Así que escoitade ben, só o vou dicir unha vez, fóra as vosas sucias mans de Lois Pereiro. É noso, perténcenos, gañámolo día a día, coa nosa escolla, coa nosa loita e coa nosa suor. E non é unha ameaza, é a realidade. Abride paso e facédevos a un lado, o voso tempo rematou xa. Noso é o futuro. Dos neofalantes, dos heterodoxos, dos marxinados, dos mestizos.
(O debuxo de Lois é obra doutro heterodoxo, Chichi Campos, e foi publicado o 10 de outubro de 1984, ANT nº 255)











00:47 on Xuño 30th, 2010 1
[...] This post was mentioned on Twitter by Iago Martínez, marcos calveiro. marcos calveiro said: O día do orgullo neofalante http://alfaias.blogaliza.org/2010/06/30/%c2%a1fora-as-vosas-sucias-mans-de-lois-pereiro/ [...]
23:25 on Xullo 3rd, 2010 2
Parabéns polo post.
Brutal.
11:41 on Xullo 5th, 2010 3
Unha arroutada das que teño de cando en vez, Dores. Apertas
19:12 on Xullo 5th, 2010 4
Folerpas, pero aínda andamos nesas vainas? Esencias, neos, paleos… Eu pensei que aos escritores medíasevos pola calidade literaria. Os irlandeses teñen xente tan válida e tan diversa musicalmente falando (que é do que ando mais enterado) coma os Dubliners ou U2. E por que van ser incompatibles? Pola mesma porque van ser incompatibles na nosa cultura Lois Pereiro ou Carballo Calero ou Curros ou Cunqueiro…
E eu que coidaba que todas estas andainas da modernidade do galego xa as superaran a finais dos oitenta Os Resentidos tocando calquer pau musical dende a cumbia ao rap, e triunfando a nivel nacional. Pero como aquí á normalidade vai con dinamo, así nos vai. Os que se queixan é pola edade,que cando un se fai vello tende a facerse mais rosmón, que a todos nos ha de pasar(a uns antes ca outros). A poesía de Lois é dura para traballala cos nenos pero algo faremos, non teñas dúbida…
Sorte o mércores que a vas necesitar (que par lle botades…ás 20:30¡¡¡). Felices vacacións e recordos á familia, sobre todo á pequecha
20:12 on Xullo 8th, 2010 5
A mín encántame tanto entusiasmo, pero síntome afastada e rexeitada. Qué pasa cos que aprendemos o galego mal falado da nosa nai, ou non pertencemos ó círculo dos que
“escribides arreo en galego, os que aprendestes o galego nas escolas, os que cantades e recitades nos bares en galego, os que facedes filmes en galego e os paseades polo mundo, os que tuiteades e vos socializades en galego”???
Se non temos estudos superiores ou non twiteamos nin desenvolvemos unha faceta artística somos separados da nova “élite” do galego contra a que tanto tiras?
Por un lado encantoume o post, pero véxolle eu un sesgo que non me gusta nadiña.
23:17 on Xullo 8th, 2010 6
Eu non excluía ninguén Zeltia,contrapoñía o entusiasmo de moitos de nós co rexeitamento dos resesos. Por un vez temos a un contemporaneo no día ds letras, alguén que leu libros,veu filmes e escoitou a mesma música ca nós. En fin que viviu canda nós. E que por certo non tiña estudos superiores, non os precisou para nada.
Quizabes na quenda que soltei faltou “os que bloguean en galego” coma é o teu caso. Penso que liches de máis entre liñas, apuntaba cara a outro lado.
O que ten que pretenderse é que ningúen quede fóra da festa, e que por fin o espírito dese día enchoupe a todo a sociadade coma unha chuvia vizosa.
11:20 on Agosto 24th, 2010 7
[...] o 17 de maio do 2011 havemos queimar todos os nossos sagrados livros na Quintana e começar de 0. Heterodoxia, marginaçom, mestiçagem e [...]
23:44 on Agosto 24th, 2010 8
Fantástico o post, de verdade. Parece o manifesto “Máis alá”, pero hai un resentimento contra os “resesos” que non semella san. Sempre fun dos que dixen que había que mimar os neofalantes, porque neles está o futuro. Agora ben, cómpre respectar as canas, o traballo, a loita e -si, tamén- os currículos. Non se pode combater os sectáreos coa mesma menciña, porque ata os “neos” han estar “resesos” algún día.