"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

1 Marzo 2011 at 01:02

Ler, escribir, amar

 

Tras estas últimas semanas de unpluggeds polos centros de ensino do país e malia a sensación que tiven ás veces no pasado de que a miña presencia era unha produto cultural máis que se vendía co libro, no podo mais que falar en positivo desta experiencia como un importante elemento dinamizador nas políticas de fomento da lectura entre os rapaces. Explícome:

 En 1º lugar os educadores ven recompensado o seu traballo na aula cando asisten a diálogo fecundo que se establece en moitas ocasións entre o autor e os seus lectores, pequenos en idade pero non en comprensión e capacidade. Eu albisco o orgullo en moitos do seus rostro ao fondo das salas onde falamos cando unha das súas alumnas me mete nun apuro ou inicia comigo unha boa retesía. Supoño que iso lles dá azos para seguir adinte na súa loita cotiá nas aulas aramados de libros e palabras fronte a todo ese ocio dixital que case monopoliza o lecer de moitos nenos.

En 2º lugar moitos dos nenos, non digo todos porque estaría mentindo, teñen a oportunidade de dialogar cun autor, figura que anque vos semella incrible moitos deles aínda reverencian nos tempos que corren. Eu sempre baixo da tarima paseo entre eles para que falemos de igual a igual e alporízame cando me chaman profe por descoido ou me tratan de vostede. Nenos que aprezan unha dedicatoria especial, incluso nun caderno cando esqueceron o libro. E non digades que os tiran ao lixo. Non é certo. Este mesmo ano comprobeino cunha rapaza que tiña a dedicatoria que lle fixera o curso pasado nun anaco de papel pegado con celo no libro e que pediu que se lla podía repetir, agora si, no propio libro. Nenos que lle entregan a autor como se fosen un tesouro poemas, relatos baseados na súa propia obra ou que veñen cos seus propios textos na procura de consello. Eu gardo cartas de rapaces para que llas entregue a Abdul en Bagdad, poemas sobre o mar dedicados ao vello mariño Ismael, debuxos apócrifos de Van Gogh e ata un sombreiro decorado con malvas. Máis non se pode pedir.

Seguirei acudindo aos centros de ensino, porque alí onde algúns só ven unha interesada operación comercial, eu vexo algo máis no brillo dos ollos dos rapaces e ás súas mestras. Vexo a paixón e a emoción do lector que fun, unha paixón e a emoción que confeso que perdín, pero que aínda albisco nos meus ollos cando escribo. Quizabes por iso o fago, por recuperar dalgún xeito a aquel lector insomne de trece anos que lía baixo as sabas á luz dunha lanterna.

(Na imaxe estou cuns alumnos no IES de Porto do Son)

-
2
  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en