"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

15 Agosto 2011 at 12:08

Ítaca

Os escritores estamos cheos de palabras, sóbrannos e por iso botámolas fóra nos nosos libros. A min hoxe fáltanme. Estou cheo de lembranza mais non teño palabras. Lembro un avionciño de xoguete que me trouxo de Barcelona cando o fomos recoller a Lavacolla. Lembro carreiras de footing polo corredor da vella casa de Vilagarcía. Lembro o meu temor a que aparecesen os dous roubos na esquina do televisor e me mandase para cama. Lembro que ficaba tras a porta entornada, axexando e que el o sabía. Lembro ter espertado na cama tras ficar alí durmido sobre as baldosas, era el quen me deitaba Lembro longas tardes de estío na praia da Lanzada onde aprendín a nadar. Lembro aquela tarde en que mirei para atrás mentres andaba en bicicleta e el xa non estaba tras miña, suxeitándome. Lembro as excursións polo país adiante na procura dun vello mosteiro, dun castelo esboroado ou dunha igrexa esquecida… Lembro, lembro, lembro… Só os bos momentos, os outras fican esquecidos para sempre no remol da perda e da dor. Lembro tamén casa chea de libros, de Cunqueiro a Keoruac, de Rosalía a Miller. E unha enciclopedia Larousse e a Gran Enciclopedia Galega. Lembro as súas citas eruditas, os seus aforismo latinos, as súas invencións, as súas fábulas de gran mentirán. Lembro unha casa chea de música, das súas audicións dominicais en que nos pinchaba de Dylan a Mozart, da Callas a Janis Joplin. Foi nunha delas cando escoitei por vez primeira a Luís Llach cantando a Ítaca de Kavafis, lembro que aprendín de memoria en catalán e que un tempo despois, el agasalloume co libro e dedicoumo. Lembro que el non cría en paraísos, reencarnacións, infernos, valhallas, nirvanas, ou avalóns… El cría en Ítaca, nesa travesía plena de coñecementos e experiencias, en toda a riqueza que acadas na viaxe pola vida. Lembro que foi sempre capitán do seu barco e puxo sempre o rumbo que quixo ata que a enfermidade o asaltou. Lembro, lembro, lembro…

-
4
  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en