"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

6 Xaneiro 2012 at 19:33

O voo da rola

A nosa mellor amiga tivo unha vez un soño e tentou erguelo en Sargadelos, moi preto de onde Don Isaac ergueu o seu que logo lle roubaron. Moitos dirán que ela, eu non o penso, fracasou. Tentouno, puxo todo o seu empeño e esforzo, errou ás veces, acertou outras. Ao cabo o seu soño esluíuse entre os dedos das súas mans como area de praia mais non fracasou. Durante ese tempo que loitou polo seu soño, foi dela, enriqueceuse, medrou, e algúns dos que lle botamos unha humilde man soñamos con ela, enriquecémonos, medramos…

Nunha daquela primeiras visitas, lembro ter paseado pola fabrica acompañado do meu fillo, seguindo o percorrido entre aquelas liñas —amarelas ou vermellas, non o lembro— vimos a todas aquelas mulleres que coa arxila construían o soño de Don Isaac.  Nun intre do traxecto, cruzámonos con el, e o meu fillo que non perdía detalle, tiroume da manga e queixouse amargamente.

—Mira! Vai fóra das liñas!

Esta anécdota que semella ben parva, víuseme a cabeza onte co gallo da súa perda. E penso que o define  moi ben, o soñador que  saíu do camiño polo que todo andabamos. Porque vivir é iso: soñar, saírse dos camiños trazados. Grazas a ela e a Don Isaac por deixarnos compartir os seus soños.

Mais… quen soñará agora por nós?

-
2
  • Paz Ramallo
    22:17 on Xaneiro 6th, 2012 1

    Grazas, emocioneime, querovos.

  • Jose Antonio Pazos Pazos
    22:10 on Febreiro 9th, 2012 2

    Xa facía tempo que non comentaba algo por aquí, pero o da television de Galicia hoxe foi sublime rozando o paroxismo. No informativo do mediodía de hoxe, na homenaxe ao gran don Isaac Díaz Pardo, Susana Seivane en escena tocando a gaita (isto sen retranca) e o realizador fai un primeiro plano dun pé movendose ao compás da música (o único que se ve movendose) e o plano vai subindo ata que se descubre a cara do interfecto e adiviñades quen é…Ooooh,Sorpresa¡ Adiviñades quen é o único que está alí seguindo o ritmo.
    Pois si, o noso presidente. que se amose que é ben galego e lle gosta todo o galego: a música, o polbo á feira, as filloas, o tinto país…. o galego xa é outra cousa
    Que kitsh quedaría se ao ir ascendendo lentamente a cámara dos pes á cara sobre a súa cachola presidencial aparecese un gorro de gaiteiro. Xa sería o cumio da galeguidade presidencial.
    Saudos e forza meu chamaco Silver Kane

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en