A nosa mellor amiga tivo unha vez un soño e tentou erguelo en Sargadelos, moi preto de onde Don Isaac ergueu o seu que logo lle roubaron. Moitos dirán que ela, eu non o penso, fracasou. Tentouno, puxo todo o seu empeño e esforzo, errou ás veces, acertou outras. Ao cabo o seu soño esluíuse entre os dedos das súas mans como area de praia mais non fracasou. Durante ese tempo que loitou polo seu soño, foi dela, enriqueceuse, medrou, e algúns dos que lle botamos unha humilde man soñamos con ela, enriquecémonos, medramos…
Nunha daquela primeiras visitas, lembro ter paseado pola fabrica acompañado do meu fillo, seguindo o percorrido entre aquelas liñas —amarelas ou vermellas, non o lembro— vimos a todas aquelas mulleres que coa arxila construían o soño de Don Isaac. Nun intre do traxecto, cruzámonos con el, e o meu fillo que non perdía detalle, tiroume da manga e queixouse amargamente.
—Mira! Vai fóra das liñas!
Esta anécdota que semella ben parva, víuseme a cabeza onte co gallo da súa perda. E penso que o define moi ben, o soñador que saíu do camiño polo que todo andabamos. Porque vivir é iso: soñar, saírse dos camiños trazados. Grazas a ela e a Don Isaac por deixarnos compartir os seus soños.
Mais… quen soñará agora por nós?











22:17 on Xaneiro 6th, 2012 1
Grazas, emocioneime, querovos.
22:10 on Febreiro 9th, 2012 2
Xa facía tempo que non comentaba algo por aquí, pero o da television de Galicia hoxe foi sublime rozando o paroxismo. No informativo do mediodía de hoxe, na homenaxe ao gran don Isaac Díaz Pardo, Susana Seivane en escena tocando a gaita (isto sen retranca) e o realizador fai un primeiro plano dun pé movendose ao compás da música (o único que se ve movendose) e o plano vai subindo ata que se descubre a cara do interfecto e adiviñades quen é…Ooooh,Sorpresa¡ Adiviñades quen é o único que está alí seguindo o ritmo.
Pois si, o noso presidente. que se amose que é ben galego e lle gosta todo o galego: a música, o polbo á feira, as filloas, o tinto país…. o galego xa é outra cousa
Que kitsh quedaría se ao ir ascendendo lentamente a cámara dos pes á cara sobre a súa cachola presidencial aparecese un gorro de gaiteiro. Xa sería o cumio da galeguidade presidencial.
Saudos e forza meu chamaco Silver Kane