"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

22 Febreiro 2012 at 19:34

Disparen sobre o pianista

           

           Fomos moitos os que na distancia asistimos con certa ilusión e esperanza a última a Asemblea do BNG, sobre todo por algúns movementos previos, caso do manifesto da meirande parte dos seus alcaldes.

            Partindo da base de que eran os seus militantes os que debían decidir democraticamente cal debía ser o camiño que a organización nacionalista tiña  que tomar neste intre decisivo, eramos moitos os simpatizantes que agardabamos un sinal. Un cambio que indicase que os seus dirixentes tomaban boa nota da mensaxe que os votantes lles estaban mandando elección tras elección. Que tras un fondo exercicio de autocrítica e  reflexión mudasen a deriva na que os seus dirixentes entraran para xustificar a súa continua perda de apoio electoral. Non pasou nada diso, os seus dirixentes  enrocáronse nas súas posicións e botaron balóns fóra como se a cousa non fose con eles, como se fosen os electores os trabucados, como se esta país non estivese a altura da grandeza do seu ideario, un ideario ancorado nun tempo pasado que xa non existe.  Dende o meu punto de vista, o de un simple votante, en gran medida o responsable desa desfeita, desa ausencia de renovación da mensaxe e da imaxe, foi a UPG, quen a fin de contas é quen controla organicamente o BNG.

            O espectáculo mediático que sucedeu nas semanas seguintes a Asemblea, a posible escisión de Máis Galiza, a marcha de Encontro Irmandiño, a baixa na organización de senlleiros militantes, evidenciou que a Asemblea fora un fracaso absoluto e se pechara en falso. E logo chegaron os cruces de declaracións e as descualificacións entre todas as partes en conflicto. Unha simple busca en calquera hemeroteca chega para ler as palabras de Beiras, Paco Rodríguez, Lobeira, Guillerme  e compañía.

            Moitos coma min asistimos, abraiados e a piques de caer no pozo do desencanto, a ese espectáculo lamentable. Sacámoslle  punta e fíxesmos escarnio (https://twitter.com/#!/calveiro) por non chorar, en especial da postura inmovilista da UPG. Desde ese intre comecei a recibir todo tipo de descualificacións ( inimigo da patria, submarino antinacionalista…) insultos e desprezos  vía twitter e incluso no meu propio e-mail. Semellabamos estar no salvaxe Oeste con todos, pistoleiros, cowboys e rangers,  a pegar tiros no saloon,  e resultaba que o malo da película era eu, o pianista.

             Finalmente e tras un bo tirón tirón de orellas este domingo de Antroido de alguén a quen admiro e teño en alta estima,  decidiume. Déixoo. Cansei xa, levo dende os 18 ano votándoos, xamais votei outra cousa, agás en branco algunha vez levado pola carraxe. Levo máis de trinta anos soñando cun país noso; pois ben todos eles, fixeron anacos ese soño coma un espello de azougue. Síntome decepcionado e estafado por todos eles, e non son o único. Demostraron estas semanas que único que lles importa é a súa leiriña, a súa cota de poder, o seus quince minutos de sona diante dun micrófono ou dunha cámara. Éncheselles a boca toda coa palabra Galiza, pero logo non lles preocupa un carallo . E falo sempre dos dirixentes, non dos militantes que co seu esforzo traballo levaron a esa organización ata onde chegou.. e estarán aí afoutos o día que desaparece pola cegueira e intransixencia dos seus responsables.

                Dende hoxe xa non son os meus, que fagan o que lles pete.

-
5
  • sihomesi
    00:11 on Febreiro 23rd, 2012 1

    Meu, nunca choveu que non escampara, aínda que un xa se cansa de estar mollado. Waiting for the Sun, que ha vir.

  • McShuibhne
    00:34 on Febreiro 23rd, 2012 2

    Identifícome co que dis e subscribo cada unha das túas palabras. Eu só votei BNG dende os 18, até que vin que algúns andaban desmandados e con aires de señoritos, e que o Bloque xa só era unha sombra do que foi, convertido nun partido de burócratas cutres. E agora ese discurso autoritario de “ou comigo ou contra min”, o dos ataques, insultos e desprezos, o único que fan é máis dano ao BNG, pero alá eles. The Times They Are A-Changin’ (algúns aínda non se decataron).

  • Montsepaz
    00:43 on Febreiro 23rd, 2012 3

    Concordo!

  • Jose Antonio Pazos Pazos
    22:34 on Febreiro 25th, 2012 4

    Que queredes que vos diga. Eu xa cheguei, vai moito tempo, cando na ibérica penínsua se ventaban aires de cambio, á conclusión de que hai tres tipos de políticos: os que están polos cartos, aqueloutros pros que o poder é unha adición e os que traballan por e para o pobo (rara avis, especie en vías de extinción, se queda algún).
    Que eu tamén votei ao Bloque? Porque eran os que mais se semellaban a mín, non porque fose eu quen mais se semellase a eles.
    No derradeiro intento que fixen, por tímidamente entrar en política, alá cando os animais falaban, os da rosa no puño fechado tiñan maioritariamente aos seus fillos estudando en colexios de curas e monxas, e moitos lían a Celso Emilio e Castelao.
    O único que nos queda e loitar dende e por a nosa cultura, así é como o vexo eu

  • unknown benefactor
    16:08 on Xullo 12th, 2012 5

    Antes de tirar a batería do portátil proba a metela no conxelador nunha bolsa de plástico un par de días e deixala desconxelar aos poucos… (non é broma)

  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en