"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

16 Febreiro 2015 at 11:51

Mexillóns

scale

A primeira lembranza que teño do mexillón é un tractor. Un tractor que todos os veráns chegaba á casa dos meus avós. Un tractor que nos traía o mar varios quilómetros terra a dentro. O tractor envorcaba a carga do seu remolque na eira e axiña un feixe de moscóns e paxaros botábanse a ela. Eu ventaba no meu nariz aquel recendo mariño e contemplaba como o meu avó estendía devagar aquel cargamento co seu angazo baixo as parras de uva catalá. Un verán eran croques, outros patexos, máis case sempre eran cunchas de mexillóns.  Cando remataba o seu traballo, o vello chamaba por min e eu axiña corricaba sobre aquel areal de terra esmagando as cunchas cos meus pés. Aínda hoxe podo escoitar aquel triscar que me leva tan lonxe, case corenta anos atrás.

Lembro tamén aqueles bocadillos de mexillón en escabeche que nos facía a miña avoa na taberna, sempre de conservas Pita ou Cuca, non os hai  mellores repetía sempre ela.

Xa mozo, marchei en Compostela a estudar e cada vez que visitaba a miña avoa sempre me metía no peto unha daquelas latas de mexillóns, a saber que estarás a comer, langrán, dicíame.

Durante estes anos de universidade, ao remate do curso, pasaba sempre unhas semanas acampando en Ons, na praia de Melide, e a nosa dieta reducíase case a comer de latas, e entre elas sempre estaban as de mexillóns, mais non aquelas de miña avoa de Pita e Cuca, por suposto, pois eran ben caras e se nos saían de presuposto.

E hoxe, tanto tempo despois, aquí estou, en Bueu, tan preto de Ons falando de mexillóns. Por que se  algo se pode dicir desta vila é que está feita de salga, saín e escamas. Dende a salgadoira romana da Pescadoira de case 2000 anos, á fundada  por Massó co nome da Perfección alá por comezos do século XIX.  Por que non se pode entender está vila  sen as mans dos seus veciños, as mans dos mariñeiros que tiraban o boliche dende a praia de Agrelo ou a Curtiña, as mans das traballadoras que limpaban a tripada toda da sardiñas nos pilos nas conserveiras, as pastoriñas que nos lavadoiros fregaban  a roupa de traballo dos seus homes no mar unha e outra vez…

Mais Bueu tamén é Pedra, moldeada polos homes a golpe de cicel e maceta e tamén polo vento e a auga dende a noite dos tempos. De Pedra son as mámoas do Forno das Arcas, sobre a pedra foi gravado o petróglifo das Abelairas. De Pedra son os cons e penedos que se inzan pola costa resistindo como poden os embates das ondas: daquela que chaman A Redonda á traizoeira A Loba, da Bufúa, onde bravo bufa o mar, ao Cabalón que cabalga sobre o salseiro nos días de treboada.

E tamén son de Pedra, muíños, fontes, pontes, e cruceiros e os pazos señoriais, da casa de Ouril en Beluso, ao pazo de Quitapesares, pasando polo de Castrelo, onde o asasinado pola barbarie fascista, Johan Carballeira, defensor da causa dos mariñeiros, compuxo versos como estes dedicados ao mar de Bueu:

 O mar é berro

e surrisa;

trebón de versos

e geometría.

 Hourizonte:

pantasía para os nosos ollos,

onde comeza o méstereo

do mundo redondo.

 Lúa do ceo,

Lúa do mar;

Lúas de saudade,

pensativa e sentimental.

 Lúa chea

 encol do monte;

ollo que espía

o contrabando da noite.

 Comamos logo estas gorentosas viandas do mar, mais lembremos por todas as mans que pasaron, as que sementaron, encordaron, recolleron, limparon, cociñaron e serviron. As súas mans son as nosas.  Mans de salga, saín e escamas. Mans humildes, traballadoras, honradas, firmes e duras como a Pedra.

-
1
  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en