"Se vos dan papel pautado, escribide polo outro lado" JRJ

Alfaias

9 Setembro 2011 at 10:22

Centauros do norte

Rafael tiña dezaseis anos e non era un revolucionario, senón músico. Mais o asasinato do seu pai e o seu desexo de vinganza levarano a cabalgar canda ao xeneral Pancho Villa, un vello filósofo, Lonxinos, e unha rapaza india, Reina Huarte.
Con eles, e coa súa inseparable trompeta, percorrerá o estado de Chihuahua entre celadas, trens e disparos polo desierto baixo o obxectivo da cámara dun novo director americano, Raoul Walsh.
Unha aventura que marcará a Rafael para sempre e da que non coñeceremos o seu desenlace ata moitos anos despois nun estudio de cine de Hollywood.

comments Comentarios desactivados en Centauros do norte    -
15 Agosto 2011 at 12:08

Ítaca

Os escritores estamos cheos de palabras, sóbrannos e por iso botámolas fóra nos nosos libros. A min hoxe fáltanme. Estou cheo de lembranza mais non teño palabras. Lembro un avionciño de xoguete que me trouxo de Barcelona cando o fomos recoller a Lavacolla. Lembro carreiras de footing polo corredor da vella casa de Vilagarcía. Lembro o meu temor a que aparecesen os dous roubos na esquina do televisor e me mandase para cama. Lembro que ficaba tras a porta entornada, axexando e que el o sabía. Lembro ter espertado na cama tras ficar alí durmido sobre as baldosas, era el quen me deitaba Lembro longas tardes de estío na praia da Lanzada onde aprendín a nadar. Lembro aquela tarde en que mirei para atrás mentres andaba en bicicleta e el xa non estaba tras miña, suxeitándome. Lembro as excursións polo país adiante na procura dun vello mosteiro, dun castelo esboroado ou dunha igrexa esquecida… Lembro, lembro, lembro… Só os bos momentos, os outras fican esquecidos para sempre no remol da perda e da dor. Lembro tamén casa chea de libros, de Cunqueiro a Keoruac, de Rosalía a Miller. E unha enciclopedia Larousse e a Gran Enciclopedia Galega. Lembro as súas citas eruditas, os seus aforismo latinos, as súas invencións, as súas fábulas de gran mentirán. Lembro unha casa chea de música, das súas audicións dominicais en que nos pinchaba de Dylan a Mozart, da Callas a Janis Joplin. Foi nunha delas cando escoitei por vez primeira a Luís Llach cantando a Ítaca de Kavafis, lembro que aprendín de memoria en catalán e que un tempo despois, el agasalloume co libro e dedicoumo. Lembro que el non cría en paraísos, reencarnacións, infernos, valhallas, nirvanas, ou avalóns… El cría en Ítaca, nesa travesía plena de coñecementos e experiencias, en toda a riqueza que acadas na viaxe pola vida. Lembro que foi sempre capitán do seu barco e puxo sempre o rumbo que quixo ata que a enfermidade o asaltou. Lembro, lembro, lembro…

comments Comments (4)    -
27 Xuño 2011 at 18:55

Galiza será TT

O vagaroso proceso de inmolación colectiva no que levamos tempo metidos rematará axiña. E ese día seremos World Trending Topic e a nova espallarase pola redes socias como a pólvora, como cando falece un desas vellas estrelas de Hollywood que case tiñamos esquecidas.

Un país que aspira a selo precisa medios de comunicación  de seu. E a partir de mañá quedamos sen o Galicia Hoxe, xa só resiste o gratuíto  L-V. E a partir de mañá seremos menos libres e máis pailáns. O tratamento e a información sobre a cultura galega que fixeron os xornalistas  deste diario nos últimos oitos anos e todo un modelo de compromiso e de rigorosidade.

Non ten sentido pensar nun país que só sirva para dar de comer aos seus deputados. Un país ten que ser quen de manter aos seus creadores culturais e aos seus medios de comunicación, senón será un fracaso. E non o estamos acadando… ao contrario.

E non culpemos aos demais, sempre os demais. Non responsabilicemos só aos negacionistas, ás subvencións da Voz, ao mal goberno popular, ao SXPL. Non. Todos nós somos culpables. Todos. No ten sentido reunírmonos no Obradoiro ou na Quíntana nunha liturxia anual, berrando consignas ou axitando  as bandeiras, para logo marchar todos cheos para casa e non consumir productos culturais galegos. E non me serve a escusa da calidade, temos cine, literatura e música tan boa como calquera  outra, variada e de calidade.

Neste intres para existir temos que resistir. (Re)xistencia é a palabra clave. Senón temos iso  presente, tede pro seguro que  #Galiza será WTT axiña: o día da súa defunción está preto.

Así que todos os que estades pensado en acudir á troula do 25 de xullo en Compostela, ficade na casa: xuntade os cartos da gasolina,  da peaxe, das cañas e da comida e gastádeas en productos culturais galegos. Faredes moito máis por este país que acudindo a esa trasnoitada homilía nacionalista que só serve para que algúns xustifiquen a súa incompetencia e os seus cargos.

(Re)xistencia é a palabra clave.

comments Comments (5)    -
6 Xuño 2011 at 11:41

Grazas

Falei aquí non hai moito do que supuñan para min os encontros nos centros educativos cos rapaces. Pois ben rematada a longa xira que comecei o 23 de novembro  pasado e que me levou a percorrer máis de 50 centros do país,  dar máis de 60 charlas e enfrontarme a 4.000 rapaces aproximadamente, só me queda dar as grazas.

A educadores, bibliotecarias, mestras e equipos directivos por seguir aí, en primeira liña loitando para que os rapaces lean e polo agarimoso recebemento que me brindaron.

Ás mozas e mozos, polas risos, as preguntas intelixentes, as olladas de complicidade,  as afiadas críticas, os vaciles, por descubrirme  cousas que eu non sabía que levaba dentro e que penso que me fixeron mellor.

E finalmente aos comerciais das editoras, polo seu esforzo e amabilidade, polas moitas conversas mentres faciamos quilometros polas estradas.   Grazas a Matu, a Ana, a Uxía, a Miguel, a Ricardo, A Bea… e a tantos outros.

Con todos eles un séntese escritor de verdade. Moitas grazas.

Vémonos o próximo curso.

comments Comments (4)    -
25 Abril 2011 at 14:27

Que lemos no século XXI?

comments Comentarios desactivados en Que lemos no século XXI?    -
8 Abril 2011 at 12:41

El Samurai del rey III e IV

comments Comentarios desactivados en El Samurai del rey III e IV    -
1 Abril 2011 at 10:56

O pintor do sombreiro de Malvas

Na biclioteca do IES de Poio fixeron esta fermosa presentación do meu pintor. Moitísimas grazas

comments Comentarios desactivados en O pintor do sombreiro de Malvas    -
23 Marzo 2011 at 13:26

Eu acúsome

Estimado Sr. Fiscal de menores:

Eu acúsome de estarlle facendo moito dano aos nosos nenos.  Dende o ano 2006 no que comecei a miña andaina na literatura galega envelenei a moitos milleiros deles cos meus libros e as miñas charlas como se de bocadillos de cicuta se tratasen. Inoculeilles o virus do galego, da tolerancia e do inconformismo. Filtreilles a miña  negra ideoloxía: o amor pola miña lingua e pola miña cultura, por unha tradición que se perde na noite dos tempos.   E para que o engano, o meu crime nefando,  non se notase moito, disimulei ben. Non falei do meu país, non. Ousei poñer palabras en galego na boca de senlleiros personaxes como Van Gogh, Melville, Pancho Villa, Casanova ou Vivaldi. Fíxese vostede que atrevemento, que infamia, que ignominia.

E todo isto non o fixen só, non. Contei coa complicidade dos meus editores, da AELG e de moitos mestres e profesores dos centros de ensino. Todos eles tan culpables como min de tentar que os nosos nenos lean na lingua propia deste país, que pensen con liberdade, que crezan e maduren como cidadáns libres e responsables.  E en moitas ocasións contei coa colaboración  dalgunhas das autoridades do país: consellerías, universidades, alcaldes e concelleiros de cultura e educación, que malversaron a mans cheas  caudais públicos  en tan ignominioso e espurio fin; corromper aos nosos nenos, á esperanza do noso futuro.

E por que o fixen? Por cartos, señor Fiscal, por cartos. Por querer vivir do DOGA e non dun traballo digno e honrado. Polo indecente desexo de querer vivir do que escribo. Por querer mudar o meu vello e abolado turismo por un Audi do trinque, por querer ter por fin unha vivenda propia e non vivir de aluguer, para que os meus fillos tivesen o mellor e o máis caro, para levalos de vacacións todos os anos.

O dito, estimado Sr. Fiscal, eu acúsome de estarlle facendo moito dano aos nosos nenos. Sei os nomes de todos os meus cómplices neste masivo infanticidio cultural e estou disposto a falar. Non o podo aturar máis, os remorsos cómenme por dentro. Réndome. As sabias palabras de hoxe desa defensora da liberdade e da tolerancia chegáronme moi fondo, fixéronme tomar esta dura pero necesaria decisión. Estou disposto a abrir as fiestras e a levantar as alfombras para que corra o aire e rematar dunha vez por todas e para sempre. Por Galicia, pola liberdade, polos nosos nenos.

comments Comments (5)    -
1 Marzo 2011 at 01:02

Ler, escribir, amar

 

Tras estas últimas semanas de unpluggeds polos centros de ensino do país e malia a sensación que tiven ás veces no pasado de que a miña presencia era unha produto cultural máis que se vendía co libro, no podo mais que falar en positivo desta experiencia como un importante elemento dinamizador nas políticas de fomento da lectura entre os rapaces. Explícome:

 En 1º lugar os educadores ven recompensado o seu traballo na aula cando asisten a diálogo fecundo que se establece en moitas ocasións entre o autor e os seus lectores, pequenos en idade pero non en comprensión e capacidade. Eu albisco o orgullo en moitos do seus rostro ao fondo das salas onde falamos cando unha das súas alumnas me mete nun apuro ou inicia comigo unha boa retesía. Supoño que iso lles dá azos para seguir adinte na súa loita cotiá nas aulas aramados de libros e palabras fronte a todo ese ocio dixital que case monopoliza o lecer de moitos nenos.

En 2º lugar moitos dos nenos, non digo todos porque estaría mentindo, teñen a oportunidade de dialogar cun autor, figura que anque vos semella incrible moitos deles aínda reverencian nos tempos que corren. Eu sempre baixo da tarima paseo entre eles para que falemos de igual a igual e alporízame cando me chaman profe por descoido ou me tratan de vostede. Nenos que aprezan unha dedicatoria especial, incluso nun caderno cando esqueceron o libro. E non digades que os tiran ao lixo. Non é certo. Este mesmo ano comprobeino cunha rapaza que tiña a dedicatoria que lle fixera o curso pasado nun anaco de papel pegado con celo no libro e que pediu que se lla podía repetir, agora si, no propio libro. Nenos que lle entregan a autor como se fosen un tesouro poemas, relatos baseados na súa propia obra ou que veñen cos seus propios textos na procura de consello. Eu gardo cartas de rapaces para que llas entregue a Abdul en Bagdad, poemas sobre o mar dedicados ao vello mariño Ismael, debuxos apócrifos de Van Gogh e ata un sombreiro decorado con malvas. Máis non se pode pedir.

Seguirei acudindo aos centros de ensino, porque alí onde algúns só ven unha interesada operación comercial, eu vexo algo máis no brillo dos ollos dos rapaces e ás súas mestras. Vexo a paixón e a emoción do lector que fun, unha paixón e a emoción que confeso que perdín, pero que aínda albisco nos meus ollos cando escribo. Quizabes por iso o fago, por recuperar dalgún xeito a aquel lector insomne de trece anos que lía baixo as sabas á luz dunha lanterna.

(Na imaxe estou cuns alumnos no IES de Porto do Son)

comments Comments (2)    -
22 Febreiro 2011 at 10:32

Lois Pereiro, Náufrago do paraíso

Este que segue é o meu Lois, agardo que tamén poida ser o voso, ou que polo menos vos axude a (re)construílo, como o fan todos aqueles que o amaron, día a día, hora a hora, minuto a minuto, incesantes nas súas lembranzas.”
comments Comments (3)    -
  • Os meus libros

  • As miñas colaboracións en